Metodoloxías para xerar créditos
de carbono con garantías

As metodoloxías son unha peza clave do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia (SVCC). A súa función é establecer os criterios técnicos que deberán seguir os proxectos para calcular, validar e verificar a absorción de carbono ou a redución de emisións dentro do sistema.

Dito de forma sinxela: unha metodoloxía define como se mide, como se comproba e baixo que condicións un proxecto pode xerar créditos de carbono.

Cada proxecto que queira participar no SVCC deberá aplicar unha metodoloxía aprobada, o que achega rigor, trazabilidade e confianza tanto a quen xera créditos como a quen desexa adquirilos para compensar voluntariamente as súas emisións.

Procedemento de tramitación dunha metodoloxía

O Comité Técnico, actuando de oficio, ou calquera persoa interesada mediante o modelo PR004A poden presentar unha proposta de metodoloxía. Cando isto ocorre, iníciase o procedemento de tramitación, que consta dos seguintes pasos:

Exposición pública

1. Exposición pública

A proposta de metodoloxía sométese a exposición pública na Plataforma durante un mínimo de 20 días.

En tramitación

2. Tramitación

Tras a exposición pública, o Comité Técnico estuda e completa a metodoloxía, tendo en conta as observacións recibidas e podendo contar con apoio externo especializado. A continuación, emite unha proposta de aprobación e a consellería competente elévaa ao Consello da Xunta.

Aprobada e publicada

3. Aprobación e publicación

Unha vez aprobada polo Consello da Xunta, incorpórase á listaxe de metodoloxías elixibles e ao repositorio de documentación técnica da Plataforma.

Unha metodoloxía xa aprobada e publicada poderá ser revisada e actualizada, seguindo o mesmo procedemento que para a súa validación, ou mesmo revogada, dándose de baixa por acordo do Consello da Xunta.

ESTADO ACTUAL

Primeiras liñas de traballo
metodolóxico

O Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia traballa actualmente en dúas primeiras liñas metodolóxicas. O seu desenvolvemento deberá seguir os procedementos previstos dentro do SVCC antes de que poidan aplicarse a proxectos concretos.

En tramitación

LÍNEA METODOLÓXICA

Certificación do almacenamento de carbono en produtos de madeira para a construción en Galicia

Esta liña de traballo céntrase no almacenamento de carbono en produtos de madeira destinados á construción en Galicia.

O seu desenvolvemento permitirá avanzar na definición de criterios para valorar o papel que determinados produtos de madeira poden ter como forma de almacenamento de carbono dentro do sistema.

Nesta fase, a liña preséntase unicamente como unha metodoloxía en desenvolvemento. Aínda non implica a súa aprobación nin a súa dispoñibilidade para a certificación de proxectos.

En tramitación

LÍNEA METODOLÓXICA

Certificación das absorcións de carbono mediante a xestión forestal mellorada (XFM) por alongamento de quendas (AQ) en Galicia

Esta liña de traballo céntrase na xestión forestal mellorada por alongamento de quendas en Galicia.

O obxectivo é avanzar en criterios que permitan analizar as absorcións de carbono vinculadas a prácticas de xestión forestal mellorada, dentro do marco do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia.

Nesta fase, a liña preséntase unicamente como unha metodoloxía en desenvolvemento. Aínda non implica a súa aprobación nin a súa dispoñibilidade para a certificación de proxectos.

Información de desenvolvemento

As metodoloxías son documentos técnicos que requiren revisión, validación e aprobación antes de poder aplicarse dentro do sistema. Por ese motivo, esta páxina ofrece unicamente información xeral sobre as primeiras liñas de traballo metodolóxico identificadas ata o momento.

Cando existan metodoloxías aprobadas, publicarase a información correspondente nesta páxina e nas canles oficiais do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono da Xunta de Galicia.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.